Presentación
A conciencia de que o modelo actual de desenvolvemento baseado no crecemento “infinito” produce unha pegada ecolóxica en constante aceleración e de que o desenvolvemento urbano asociado a ese modelo, cos problemas que se derivan de interrelacións e mobilidade, entre outros, conduce a novas liñas de pensamento, en gran medida experimental, que volven reflexionar sobre a cidade compacta e xa consolidada. O noso modelo está en crise e o noso concepto de cidade “moderna” tamén.
Como modelo por excelencia da cidade compacta, derivada da cultura europea e mediterránea, temos as nosas cidades históricas. O concepto de cidade histórica evolucionou rapidamente nos últimos tempos, ata chegar a incluír, por exemplo, tecidos residenciais e industriais do século XX e, tamén, crecementos urbanos sucesivos, ou ensanches, estruturados en torno a un núcleo antigo que lles serviu de semente.
Dentro desta corrente de pensamento, a Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación baséase na experiencia práctica, a través dun taller de traballo e reflexión sobre o feito urbano e a súa complexa relación co territorio. A experiencia do taller apóiase no desenvolvemento de proxectos reais –a proposta das administracións públicas ou de particulares en casos de interese–, cun forte soporte teórico complementario.
O taller céntrase en traballos realizados en equipos. Os temas varían desde a rehabilitación de edificios con uso de vivenda ata a recuperación de espazos urbanos degradados. Preténdese abarcar as distintas escalas, desde o estudo de detalles construtivos ata memorias de investigación sobre termos da construción ou técnicas que se están perdendo, ou cuestións legais ou administrativas relacionadas cos proxectos.
A Aula está dirixida a todos os técnicos e axentes que participan nos procesos de renovación urbana e rehabilitación: arquitectos, arquitectos técnicos, historiadores, historiadores da arte, xeógrafos, economistas, arqueólogos, enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, avogados, técnicos ao servizo das administracións públicas e funcionarios, etc., ademais de construtores, aplicadores de técnicas como albaneis, pintores, canteiros ou carpinteiros e outros, ademais de técnicos de empresa.
En virtude de convenio asinado coa Universidade de Santiago de Compostela, a AULA terá recoñecemento ou titulación de Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación.
|